Saturday 20 de April de 2024

Un cento de alumnos e alumnas da Escola Municipal de Música Magariños de Brión actuarán no IX Festival de Música de Cámara


 

Terá lugar no salón de actos do centro social polivalente o martes 9, xoves 11 e venres 12 de marzo, ás 20:00 horas

O salón de actos do centro social polivalente de Brión acollerá mañá martes 9 de abril, ás 20:00 horas, a primeira das tres actuacións do Festival de Música de Cámara (FECAM 2019) da Escola Municipal de Música Magariños, que este ano chega á súa novena edición. As outras dúas actuacións terán lugar o xoves 11 e o venres 12 de abril no mesmo escenario e á mesma hora, de xeito que máis dun cento de alumnos e alumnas terán ocasión de amosar as súas habilidades. Nos tres casos a entrada é de balde ata completar aforo.

O director da ESMU Magariños, Carlos Pintor, explica que “decidimos manter o concerto en tres partes como o ano pasado porque pensamos que é máis cómodo para o espectador xa que son case un centenar de intérpretes e 48 pezas de bastante extensión, polo que os tradicionais dous concertos serían demasiado longos”. Un Festival que naceu na Semana Santa de 2011 porque “a práctica da música de cámara cumpre unha función decisiva no desenvolvemento do oído musical en todos os seus aspectos. Así, o repertorio camerístico é o medio idóneo para que o alumnado desenvolva o sentido da afinación”, apunta Pintor.

Concerto de mañá martes

Na sesión de mañá martes 9 de marzo están programadas un total de 21 pezas clásicas a cargo dun total de 44 intérpretes, xa que a maioría son pezas interpretadas a dúo ou en trío entre as que figuran algunhas moi coñecidas como a “La Donna é Móbile” de Verdi e varias pezas clásicas de Mozart, Stravinsky ou Bach.

O IX Festival de Música de Cámara FECAM 2019 está organizado pola Escola Municipal de Música Magariños e conta coa colaboración do Concello de Brión, da Deputación da Coruña e da Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria da Xunta de Galicia.